- Este evento rematou.
Festa dos Fachos
Xuño 24, 2023 - Xuño 25, 2023
Dende hai uns anos no monte da Peneda (monte que está na meirande parte do seu territorio no concello de Soutomaior), celébrase no final do mes de xuño esta festa de inspiración pagá, para dar a benvida ao verán. A primeira celebración foi no ano 1997, aínda que din que esta tradición se rexistra no século XIX. Posúe reminiscencias mitolóxicas baseadas na cultura castrexa do monte (ritos da luz). A súa principal característica é a subida ata o seu cumio camiñando con fachos acesos e a posterior queima dunha fogueira. A Peneda constitúe unha paisaxe única visible case desde todos os puntos de vista da ría. Pola outra banda é importante destacar a súa forte carga histórica dende os tempos máis remotos,”Castro da Peneda”, e tamén a gran relevancia durante a Idade Media na que era coñecido como a Fortaleza de Castrizán, xa que xogou un papel fundamental nas Revoltas Irmandiñas e nos conflitos nobiliarios. Posteriormente foi cristiá e o seu cumio foi coroado cunha ermida. A Festa dos Fachos ten un marcado compoñente reivindicativo no que a organización quere chamar a atención sobre os coidados que debe recibir o monte, a preservación dos espazos naturais e as especies autóctonas. Ademais, supón tamén un chamamento á unión dos dous concellos nese espazo común. O colectivo Alén Nós foi o primeiro en apostar por esta celebración, que edición tras edición medra cada día máis e contribúe á espectacularidade da celebración. Coidado co lume!