- Este evento rematou.
Festa da Ostra (Arcade)
Maio 15 @ 12:13 p.m.
A festa da ostra…
… ou, como tamén gustan de chamala os seus apaixonados, trufa de mar, é unha homenaxe á que é considerada a “perla do marisco”, historicamente consumida e apreciada como exquisitez na ría de Vigo.
O extremo oriental da ría de Vigo é o lugar máis idóneo para o cultivo da ostra. Arcade, parroquia do municipio de Soutomaior, celebra unha festa gastronómica na súa honra a primeira fin de semana de abril de cada ano, atraendo a un elevado número de visitantes, que acoden á citada parroquia para consumir o manxar obxecto da celebración. Todo un acontecemento do abundante calendario gastronómico de Galicia.
As formas tradicionais de servir e consumir este delicioso bivalvo, sempre acompañado de viños brancos galegos (especialmente de denominación Rías Baixas) son:
- ao natural (cunhas pingas de limón)
- en escabeche
- e en empanada.
A música, así como outras actividades culturais, son o complemento perfecto do programa, renovado e replantexado anualmente, do multitudinario evento.
En canto ás propiedades deste prato mariño:
Trátase dun produto xeralmente zumarento e de sabor suave, con alto valor nutritivo debido á súa riqueza en sales minerais e vitaminas. Dise tamén que produce efectos afrodisíacos, aínda que isto xa pertence ao reino da superstición ou, se se quere, da sabedoría popular.
A ostra servida na festa de Arcade é a especie Ostrea edulis; esta variedade non é exclusiva da zona, aínda que si é verdade que a desembocadura do río Verdugo e a súa área próxima presentan as condicións ideais para a cría deste molusco, ao entrar en confluencia as augas doces procedentes do río coas salgadas da ría.
Historia
A cría e o consumo da ostra ten séculos de antigüidade. Existe coñecemento de que as culturas castrexas colleitaban xa este bivalvo, e o seu cultivo remóntase ao período romano. As dinastías dos Austrias e os Borbóns apreciaban a calidade deste egrexio activo gastronómico, que se transportaba á Corte do Reino en escabeche dentro de pequenos barrís de madeira. No século XIX, pasouse á comercialización deste produto en Europa.
O consumo da ostra erixiuse en festa en 1987 por iniciativa do sector marisqueiro de Arcade dedicado á ostricultura, pioneiro no súa mercantilización e exportación. Abril é o mellor mes para a degustación, por iso se elixe este mes para a celebración desta festa. A súa talla comercial, de entre 6 e 7 centímetros, conséguese en menos de 24 meses.
Conclusión: a ostra representa un prato típico da gastronomía galega e ten a Arcade como capital indiscutible.