Loading Events

« Todos os Events

O Entroido 2025 na Mancomunidade: unha festa chea de música, cor e tradición

Febreiro 28 - Marzo 5

O Entroido 2025 na Mancomunidade será unha celebración única, que unirá música, cor e tradición nunha programación repleta de actividades para todos os públicos. Os distintos concellos da Mancomunidade prepararon unha ampla variedade de eventos, con desfiles de comparsas, concertos, espectáculos para nenos, concursos de disfraces e moito máis, garantindo que cada día estea cheo de diversión e entretemento.

Vigo: unha festa vibrante chea de sorpresas

Vigo, un dos principais destinos do carnaval galego, prepárase para ofrecer un Entroido espectacular. As celebracións comezarán o 28 de febreiro, co esperado concerto de Fillas de Cassandra na Porta do Sol, dando inicio a unha serie de eventos que non deixarán indiferente a ninguén. O 1 de marzo será un día clave, cun pasarrúas de batucada que percorrerá a Rúa Príncipe, Porta do Sol e Policarpo Sanz, seguido da tradicional entronización do Meco, que marcará o comezo oficial da festa. O 2 de marzo celebraráse o gran desfile de comparsas e carrozas, un evento que percorrerá as principais rúas da cidade, e pola tarde, as charangas animarán o ambiente, enchendo Vigo de música.

A festividade continuará o 3 de marzo con animación e un concerto de América de Vigo, mentres que o 4 de marzo se dedicará especialmente aos máis pequenos, con obradoiros infantís, espectáculos de payasos, maxia e unha chocolatada na Porta do Sol. O 5 de marzo será unha xornada de concursos e a esperada Queima do Meco, un acto tradicional que simboliza o peche do carnaval. Finalmente, o 6 de marzo Vigo dirá adeus ás festividades co Enterro do Meco, un desfile satírico cheo de humor e batucadas que percorrerá as principais rúas da cidade.

Mos: tradición e diversión para todos os gustos

O concello de Mos celebrará o seu Entroido desde o 23 de febreiro ata o 4 de marzo, cunha programación variada que abarca desde actividades para os máis pequenos ata eventos para adultos. O 23 de febreiro, o Centro Dotacional de Torroso acollerá un show de Cristian ás 19:00 horas, cuxa recadación se destinará á Asociación SOGAPS. O 2 de marzo, Mos vivirá o seu tradicional desfile de comparsas na Avenida de Sanguiñeda, seguido dun concerto de The Turres Band. O 3 de marzo será un día especialmente pensado para os máis pequenos, cunha festa infantil no Pavillón Óscar Pereiro, que incluirá inchables, obradoiros e música. Ademais, celebrarase un concerto de Ollo Piollo. O 4 de marzo, Mos ofrecerá un xantar de Entroido para maiores de 55 anos no Multiusos das Pozas, cun prezo de 25 euros.

Gondomar: cor, diversión e a tradición do Enterro da Sardiña

Gondomar celebrará o Entroido 2025 cun programa cheo de actividades. O 26 de febreiro, o Concerto de Entroido abrirá a festa no Auditorio Lois Tobío. O 28 de febreiro, os escolares participarán no Desfile de Entroido.

O 1 de marzo, haberá Obradoiros Infantís, e o 2 de marzo, tras a lectura do Pregón, terá lugar o gran Desfile de Comparsas e Carrozas. O 4 de marzo, será a quenda dos máis pequenos co Desfile Infantil, seguido da Gran Verbena coa Orquestra MARBELLA.

A festa rematará o 5 de marzo co Enterro da Sardiña, con velorio, procesión e animación musical na Praza Paradela.

Redondela: música, desfiles e grandes espectáculos

Redondela ofrecerá unha programación variada, que comezará o 1 de marzo co Entroido Infantil e Xuvenil, unha xornada chea de obradoiros, espectáculos e música na Alameda de Castelao. Esa mesma noite, celebrarase un concerto no Campo da Feira e unha sesión DJ a partir da medianoite, ademáis da orquestra París de Noia. 

O 2 de marzo, os asistentes disfrutarán do gran Desfile de Carnaval, no que participará a comparsa Tío Emilio, e ás 20:30 horas terá lugar a entrega de premios. 

O 4 de marzo, Redondela celebrará a súa tradicional Queima do Meco na Praza de Ribadavia, culminando a xornada cunha discoteca móbil na Rúa Alfonso XII. O 8 de marzo, a localidade de Chapela vivirá o seu propio Entroido cun desfile e o Enterro do Berete, que percorrerá as rúas da zona, finalizando cun espectacular espectáculo de luces e música.

Soutomaior: obradoiros, desfiles e festas para todos

En Soutomaior, o Entroido comezará o 22 de febreiro cun desfile de comparsas, que sairá desde a rúa Calvario e chegará á Alameda de Talo Río, onde se lerá o pregón ás 20:00 horas. Ademais, para promover a inclusión, organizarase un tramo “silencioso” durante o desfile. O 23 de febreiro, a Casa da Cultura acollerá un obradoiro gratuíto de máscaras tradicionais, impartido por Rafa Quintía e Pili Silva. 

O 28 de febreiro, os alumnos do CEIP Manuel Padín Truiteiro participarán nun desfile por Arcade. O 1 de marzo, celebrarase o Encontro de Entruidos cunha sesión vermú a cargo de Fanfarria Furruxa e un Xantar Veciñal de galiña con arroz. 

O 2 de marzo, os máis pequenos disfrutarán da Festa Infantil “Quiquiriquí o galo corre aquí”, con xogos e o espectáculo “Barafunda no galiñeiro”. E o 4 de marzo, a xornada culminará coa Fiada, que contará con música e baile. 

Salceda de Caselas: diversidade e tradición

Salceda de Caselas celebrará o seu Entroido do 28 de febreiro ao 4 de marzo cunha programación diversa e tradicional.

O 28 de febreiro arrancará co desfile escolar e a batucada “Os Espantarratos”. O 1 de marzo, o C.S. “A Devesa” acollerá obradoiros infantís, seguido dun concerto da “Banda Cultural de Salceda” no auditorio municipal.

O 2 de marzo, a xornada comezará co desfile do “Rancho de Entroido da Feira” e os “cabaleiros”. Pola tarde terá lugar o XXVI Desfile de Carrozas e Comparsas, e a noite pechará cun concurso de “Coplas de Entroido” á 1:00 e a discoteca móbil “A Gramola Tour Truck” ás 2:30.

O 3 e 4 de marzo celebrarase o tradicional enfrontamento entre os barrios de “O Castro Barreiro” e “A Feira”, con verbenas en ambos. O 4 de marzo presentaranse as carrozas e comparsas na praza do Concello, seguido doutra presentación no cruceiro de “A Fontedapedra”, retransmitida en directo por YouTube.

Fornelos de Montes: gran festa popular

O venres 28 de febreiro, o municipio de Fornelos de Montes celebrará a súa tradicional festa de Entroido no Pavillón Municipal de Deportes a partir das 20:00 horas. O evento contará cunha animada festa de disfraces, coa música en vivo da orquestra Los Players e o trio Sabrosito

Ademais, haberá agasallos, sorpresas para os nenos e grandes premios para os participantes nas categorías individual, parellas e grupos. Unha celebración chea de diversión e entretemento.

Unha celebración para todos os públicos

O Entroido 2025 na Mancomunidade será unha festa chea de alegría, música, cor e tradición. Cada concello preparou actividades para todos os gustos, garantindo que ninguén se quede sen desfrutar do carnaval na súa máxima expresión. ¡Non perdas a oportunidade de vivir unha das celebracións máis agardadas do ano! 

Para calquera consulta visita as páxinas oficiais dos concellos.

Scroll ao inicio