Fornelos de Montes
Fornelos de Montes é un municipio da provincia de Pontevedra que pertence á comarca de Vigo. Linda ao norte coa Lama e Pontecaldelas, ao oeste con Soutomaior e Pazos de Borbén, ao sur con Mondariz e Covelo, e ao leste con Covelo e co concello ourensán de Avión.
Sitúase no interior centro-este da provincia e atópase formado por sete parroquias (Calvos, Estacas, Fornelos de Montes, A Laxe, Oitavén, Traspielas, Ventín) e vintecatro núcleos de poboación.
A gran riqueza natural está protagonizada pola Serra do Suído, e polos ríos que dela descenden. Nacidos a máis de mil metros, os do leste entre o Coto Minuto e o Outeiro Vello, e os do oeste na Pena Aranda e no Coto do Corno. Dise que das fontes destes montes nacen cen regatos diferentes que se van xuntar en dous ríos, Parada do Valdohome e Barragán, estes á súa vez alimentan o río principal, o Oitaven, do que se abastece o embalse de Eiras.
No patrimonio histórico-artístico e etnográfico de Fornelos de Montes, destacan os xacementos castreños do Monte da Cividade en San Vicente de Oitavén. Os restos de gravados rupestres do Coto do Galo, situado no monte Castelo na parroquia de Calvos, ou os restos arqueolóxicos do Monte Castrove na parroquia da Laxe. Mais sen dúbida, a xoia arqueolóxica de Fornelos de Montes é o sarcófago antropoide excavado na rocha, que se atopa en Vilán. Na mesma parroquia, en Chans de Viláns, consérvanse os restos do Castelo-Fortaleza de Alemparte, asolada polos irmandiños no 1467. O turismo verde ten unha grande importancia, grazas á variedade de rutas para percorrer que presentan unha riqueza paisaxística de máxica beleza, poboada de carballos centenarios e castiñeiros, e polas especies emblemáticas coma bubelas, becadas, aguias culebreiras, falcóns pelingríns, nutrias europeas, xabaríns, corzos, raposos, lobos, lagartiñas galegas, cobras viperinas, víboras, etc.
Sitios
Rutas
Fin de semana en Fornelos de Montes
Actividades
Non hai próximos eventos
Festividades
Non hai próximos eventos