A fachada histórica é todo o que queda da antiga Laforet, fábrica de carburo de calcio que estivo en funcionamento máis de medio século: desde 1900 ata 1954. Desde o 2018 forma parte da Rede Europea de Patrimonio Industrial Industriana.
O carburo de calcio (obtido a partir de pedra calcárea e carbón de coque) era o compoñente fundamental das lámpadas de carburo ou de acetileno, usadas como fonte de iluminación habitual a finais do século XIX e comezos do XX. O seu funcionamento era tal que así: a pedra de carburo introducíase na lámpada e sobre ela ía goteando a auga, producindo así o gas acetileno, que era o que, acceso, daba luz. A de Arcade foi unha das primeiras fábricas en toda España en producir carburo de calcio.
A fábrica recibiu o nome do enxeñeiro industrial e empresario vigués Ramón Laforet Cividanes, que ideou o proxecto. O edificio era orixinalmente de tres naves, e foi construído en seis meses con muros e pilastras de ladrillo e bóvedas á catalana de dobre curvatura. A fábrica foi o motor do desenvolvemento urbanístico local: foi co fin de abastecer de enerxía a Carburos Laforet que se construíu a central hidroeléctrica de Freixa (no tramo do Río Verdugo correspondente a Ponte Caldelas; tamén grazas á fábrica construíuse un peirao en Arcade, así como unha especie de teleférico ata a fábrica, que a conectaban por mar, ademais de estar emprazada xunto á vía de ferrocarril.
En 1954, o edificio foi vendido á Sociedade Española de Carburos Metálicos, que o xestionou ata a súa cesión ao concello de Soutomaior en 1996. No 2006 foi reaberto e posto ao servizo da cidadanía.
As naves orixinais da fábrica medían 50 m de longo, mentres que agora miden só 17. É unha peza apreciable da arquitectura industrial galega en ladrillo. O antigo espazo das naves está actualmente ocupado por bloques de apartamentos.
No interior do actual multiusos ofrécense distintos servizos á cidadanía. Tamén dispón o edificio dun salón de actos, provisto de escenario e filas de butacas vermellas aterciopeladas.
Sorry, no records were found. Please adjust your search criteria and try again.
Sorry, unable to load the Maps API.