Fermosa formación de carballos centenarios situada na parroquia de San Xurxo, no barrio de A Laxe (Lat. 42º 6′ 50,95”; Lonx. 8º 33′ 30,68” O). Forma parte dun recinto propiedade dos veciños de San Xurxo, pero a zona destinada á área recreativa ocupa ao redor de 3300 m², o núcleo de carballos tamén se estende cara ao río e ocupa uns 5700 m², sendo estes últimos privados.
A zona está destinada á área de lecer, dotada de mesas de pedra, asadeiros, randeeiras, e unha fonte feita man a man polos veciños de A Laxe, todo cercado por un balaústre de madeira. No interior atópase o conxunto, que está formado por 21 carballos centenarios de gran porte, pois o perímetro dos troncos é de 2,20 m de media e o que aparenta ser máis alto supera os 20 m. Entre estes monumentos podemos atopar un rebolo único, que posiblemente sexa o máis lónxevo de Salceda de Caselas.
Os troncos centenarios destas árbores, todas elas de singular beleza, albergan toda clase de vida, onde destaca a presenza do escornabois ou vacalouras, para os que a madeira morta dos carballos é de vital importancia para estes coleópteros. Tampouco é raro atopar nesta carballeira fungos micorricicos asociados ás árbores como fungos do xénero Boletus, moi interesantes na micogastronomía ou os temidos Cortinarius orellanus e Amanita phalloides ou “fungo da morte”; a pesar do perigo que supón a súa inxestión, estas asociacións son moi importantes para o equilibrio natural da carballeira. Tamén atopamos fungos encargados de reciclar os restos de materia orgánica do medio, como os cerrotes de pé azul. Por suposto, nos troncos cavernosos destes nudosos e antigos carballos, tamén aparecen fungos parasitos típicos de frondas como o fígado de boi.
Ao leste da carballeira, estrada arriba, atópase o espazo de Curuxeiras, onde está o campo de fútbol co mesmo nome. Ao redor, domina o bosque mixto do piñeiro e eucalipto pero se baixamos cara á carballeira observamos unha interesante paisaxe composta por prominentes formacións graníticas (Laxes) que lle dan nome ao barrio. Estes monumentos pétreos, combinados coas depresións formadas polo curso da auga de fontes como a do Pozón ou numerosas minas, crean uns ambientes húmidos onde conviven carballos, salgueiros e loureiros, onde é habitual atopar gran variedade de fieitos e musgos do xénero Sphagnum ou Polytrichium. Este tipo de ambiente é o ideal para anfibios como a píntega, que, desafortunadamente, sofre numerosos atropelos na estrada en época de cría ou o sapo comadrón ibérico nas zonas onde o granito está en avanzado proceso de descomposición e se atopa en forma de terra de xabre.
Sorry, no records were found. Please adjust your search criteria and try again.
Sorry, unable to load the Maps API.