Tamén coñecido como Cruceiro de Mañufe, trátase dunha das obras desta clase máis importantes do sur de Galicia; un cruceiro que vén acompañado dun peto de ánimas. Está catalogado como Ben de Interese patrimonial pola Xunta de Galicia.
A súa localización é no medio da estrada PO-2035, na parroquia de Mañufe.
De orixe incerto, estimase que pode datar de entre os séculos XVI e XVII, ou ser incluso anterior; a día de hoxe presenta cambios con respecto á súa fábrica orixinal, debido ás súas sucesivas reformas.
A última destas reformas tivo lugar no ano 2017. O motivo de tantas actuacións sobre el deriva das implicacións da súa propia localización, en medio dunha estrada que ameaza a súa integridade e que obrigou a diferentes reformas do cruceiro desde o pasado século. Do cruceiro orixinal só se conserva parte da peana en forma de bancada en tres niveles e o peto de ánimas.
O deseño do cruceiro remite á idea do pecado orixinal, facilmente identificable no fuste octogonal, enroscada ao cal aparece unha serpe, que representa a Satanás.
O capitel da cruz ten labrados catro rostros, tres de home e un de muller. A cruz leva no anverso unha imaxe de Cristo crucificado; no reverso, está a Virxe Dolorosa coas mans en posición de oración e co neno Xesús diante dela.
No arranque do fuste está o peto de ánimas. Ten un pequeno retablo de pedra policromada pechado por unha reixa que garda as imaxes de representación do purgatorio do seu interior. Encima do retablo hai un medallón de pedra no que se pode ler: “Hermano que vas pasando, mira que penando estamos, para alivio nuestro vuestra limosna esperamos”. Este Peto de ánimas tivo que ser restaurado no ano 2015 a causa dun accidente de tráfico.
Sorry, no records were found. Please adjust your search criteria and try again.
Sorry, unable to load the Maps API.