Na parroquia do Viso (Santa María), no municipio de Redondela, existe unha pintoresca senda costeira, debidamente acondicionada e sinalizada, que percorre un pequeno tramo do litoral da Ría de Vigo. Esta senda discorre a través do denominado Espazo Natural de Soutoxuste, situado máis alá do Estreito de Rande, na Enseada de San Simón, e pertencente á Rede Natura 2000, dado o seu recoñecido valor como zona de especial interese para o turismo ornitolóxico. Pois en efecto, os interesados na observación de aves dispoñen dunha ampla variedade de escenarios posibles que a vida avícola lles ofrece neste pequeno retrinco de natureza, pois en función da posición das mareas poderase velas realizar unhas actividades ou outras; durante o refluxo, poderemos ver a certas especies buscar alimento na baixamar; nas zonas próximas ao mar, poderemos velas facer os preparativos para a nidificación, como a colección de poliñas. Hai que ter en conta que este percorrido só poderá realizarse durante as horas nas que a marea permaneza baixa.
Hai varios accesos posibles ao espazo natural: tal vez o mais recomendable sexa a estrada asfaltada que descende desde o quilómetro 137 da N-550, que nos levará ata unha pista que corre xunto ao Ponte de Fontán e o túnel da liña férrea que une A Coruña con Vigo. Seguindo esta pista, chegarase a Sobreiral de Fontán, desde onde unha escalinata de madeira conduce ata a costa. Neste punto repousan as ruínas dunha antiga construción pesqueira e marisqueira. A continuación, un camiño de madeira vai dar a un miradoiro con vistas ao Estreito de Rande e a gran parte da Enseada de San Simón.
Pero o máis rechamante a primeira ollada é a praia, sobre cuxas areas paseando chégase á Enseada de Soutoxuste. Alí poderá ver o visitante os restos dunha pesqueira e outros vestixios que pertencían a un estaleiro artesanal de mediados do século XX, do cal son apreciables aínda parte dos seus muros e da súa rampla, que se mergulla no mar, por onde entraban e saían os barcos do estaleiro.
Ao oeste da enseada, o terreo ascende para achegarse ao corazón de Soutoxuste, onde se conservan as ruínas dun antigo pazo, coa súa torre, aínda que para apreciar esta última debe prestarse especial atención. A capela de San Vicente, que debería estar xunto ao pazo, sitúase hoxe a maior altitude, ao outro lado da N-550 e deixando atrás Soutoxuste.
Sorry, no records were found. Please adjust your search criteria and try again.
Sorry, unable to load the Maps API.