Comeza no Miradoiro de Chan de Carreiro e discorre por roteiros próximos ao Río Da Portela do Foxo, afluente del Río Alén. É un lugar tranquilo, con varias ramificacións, como a Ermida de San Xoán ou a Cidade da Costa do Alén, con 40 mámoas distribuídas pola zona.
Con respecto á Cidade da Costa do Alén, existe un “ciclo” de lendas emparentadas entre si tanto na parroquia de As Estacas, en Fornelos de Montes, como en Barcia de Mera, Mondariz, que nos fala da existencia dunha cidade onde a xente anciá retirábase para morrer. Tendo “Alén” o significado de “máis aló”, “ao outro lado”, “a outra vida”, a Cidade tamén recibe o nome de “A Vila dos Mortos”.
Na parroquia de As Estacas, en Fornelos de Montes, a máis de 650 m de altitude e na empinada ladeira das montañas que forman o val do homónimo Río Alén, concéntrase un conxunto de pequenos habitáculos que se interpretaron como chozos tradicionais empregados antigamente como cabanas e refuxios polos gandeiros que pasaban longas tempadas na montaña co seu gando. Trátase dunha concentración de 39 chozos construídos con pedras grandes e pequenas que nos lembran aos milenarios monumentos megalíticos. Cóbrense con falsas cúpulas ou con laxas de gran tamaño e, polo xeral, contan cunha pequena entrada. A maior parte deles comparte a curiosa característica de que posúe unha similar orientación cara ao leste. A inexistencia dun xacemento etnográfico parecido convérteo nun caso único en Galicia. Un deles presenta mesmo unha inscrición e unha cruz na entrada.
Aínda non se sabe con certeza se son todos chozos ou se algúns poderían ser pequenos almacéns para os víveres necesarios para o paso de longas tempadas na montaña. Sobre a súa cronoloxía, parece que xa están documentados no ano 1550, aínda que hai quen aludiu a unha posible antigüidade maior. De ser chozos para os gandeiros, estariamos a falar dunha actividade importante, xa que o número de persoas que poderían albergar estes chozos sería considerable. Se realmente se trate da “Vila dos mortos”, haberá que deixalo para a imaxinación do viaxeiro.
Estes chozos foron descubertos no ano 2012, pero non foi ata o 2018 cando se empezaron a sacar á luz. Partindo de aí, procurouse investigar todo o relativo ao misterioso lugar, así como poñelo en valor á luz dos recentes descubrimentos, entre os cales figuar á súa vez un foxo de lobos único polas súas características e un neveiro centenario. Non esquezamos que o val do río Alén alberga lugares máxicos como o conxunto da Ermida de San Xoán, onde se di que existiu outrora un mosteiro benedictino.
Para chegar ata a Cidade, debemos chegar por estrada ata a denominada Portela do Pozo, onde veremos unha antiga cruz sobre unha gran roca e, desde alí, seguir a pé en dirección sueste cara ao val e, en apenas 500 m, chegaremos ao noso destino. Desde Portela do Pozo poderemos dirixirnos tamén cara á magnífica trampa do lobo que mencionamos.
É máis que probable que polo lugar da Portela do Pozo pasase en tempos pretéritos unha vía de comunicación que desde O Ribeiro viría pola marxe dereita do Río Alén desde Barcia de Mera e que se dirixise a Ventín para logo chegar a Fornelos de Montes. Este camiño hoxe forma parte da Vía Mariana.
O roteiro finaliza en Pistas Anchas, compartidas pola Vía Mariana Luso-Galaica, que percorre as antigas vías de Peregrinación Mariana.
Sorry, no records were found. Please adjust your search criteria and try again.
Sorry, unable to load the Maps API.