O monumento a José García Barbón foi construído en homenaxe ao empresario, filántropo e mecenas nado en Verín no 1831 e finado en Vigo no 1909. A obra foi realizada polo escultor Francisco Asorey e inaugurada na súa anterior localización, García Barbón coa rúa Alfonso XIII, polo mesmo rei Alfonso XIII, o 28 de setembro de 1927. Actualmente a figura está colocada na rotonda de Isaac Peral con vistas á avenida de García Barbón.
Consta dunha base de granito, sobre a que se ergue unha estatua de bronce do homenaxeado, que está representado sentado e vestido cun traxe de gala. É un exemplo do estilo neoclásico que predominaba na época, caracterizado pola elegancia das formas e polo uso de materiais nobres como o granito e o bronce. A súa actual localización na rotonda, linda coa extensa finca que mercou cando veu vivir a Vigo en 1894, con 63 anos. Chamouna Vista Alegre e nela construíu dous magníficos palacetes, un para el e outro para a súa irmá Carlota e as catro fillas desta, que logo serían as súas herdeiras.
Unha parte da fortuna traída da Habana investiuna en mercar propiedades e en erguer espléndidos edificios. No ano 1900, encárgalle a Michel Pacewicz a Escola de Artes e Oficios, buscando achegar á cidadanía viguesa unha ensinanza gratuíta. Primeiro dotouna de contidos cunha biblioteca con máis de 5000 volúmenes e despois doouna ao Concello facendo constar que continuase sendo utilizada para o mesmo propósito.
Colaborou coa cultura a través da recuperación do Teatro Rosalía Castro, abandonado e usado como almacén. Un ano despois do falecemento de García Barbón, no mes de Febreiro de 1910, o teatro ardía e son as súas sobriñas quen deciden encargar ao arquitecto Antonio Palacios un espectacular edificio para substituir o anterior. Convertirase no Teatro García Barbón.
A pesar das súas numerosas obras benéficas en Vigo, sempre se negou a recibir honras.
Como lembranza quédanos a súa avenida, o teatro García Barbón, a escola de Artes e Oficios, esta estatua e o mausoleo no cemiterio de Pereiró onde está enterrado.
Sorry, no records were found. Please adjust your search criteria and try again.
Sorry, unable to load the Maps API.