Situado a 15 km do centro de Vigo, o campus universitario Lagoas-Marcosende é o principal enclave académico-administrativo da Universidade de Vigo. Está situado nunha contorna natural singular, que se estende pola ladeira sur dunha zona montañosa na que se localiza a parroquia de Zamáns, a unha altitude de entre 390 e 450 m sobre o nivel do mar. Dende os miradoiros situados nas proximidades do campus universitario pódese percibir toda a beleza da ría de Vigo.
O campus é un lugar de contraste no cal se combinan modernas construcións cunha paisaxe natural de gran beleza e riqueza biolóxica. Proxectado no 1999 polo estudio Miralles Tagliabue é un referente da arquitectura contemporánea para Galicia. Alberga facultades, o edificio do Rectorado e o edificio de servizos centrais, varios edificios de investigación, unha gran biblioteca central do campus, unha residencia de estudantes.
Nesta contorna paisaxística habita unha ampla variedade de especies animais, tales como o lagarto arnal, a águia ratoeira e o coello, así como cabalos salvaxes que forman parte da cultura secular galega. Así mesmo, pódese atopar unha gran diversidade de especies vexetais de orixe autóctona e alóctona. Os restos arqueolóxicos tamén forman parte do campus, cos xacementos megalíticos do Monte das Pedreiras como máximo expoñente e nos que se atopan restos significativos dun poboado da fin da era do bronce.
Igualmente, no campus Lagoas-Marcosende cóntase coa posibilidade de practicar diferentes deportes, tanto en instalacións ao aire libre (pistas de atletismo e fútbol, pistas de tenis, rugbi …) como no interior de recintos (piscinas, ximnasio, …).
Se o que desexas é tranquilidade e relax, nos arredores do campus pódese gozar de amplos espazos habilitados como merendeiros en pleno contacto coa natureza.
Sorry, no records were found. Please adjust your search criteria and try again.
Sorry, unable to load the Maps API.