O Nautilus é un observatorio submarino instalado na dársena da Laxe polo Porto de Vigo, e forma parte das actuacións enmarcadas no proxecto Living Ports. A súa función é a observación e a monitorización da fauna e a flora intermareal e submarina que rodea o litoral portuario.
De 19 m de lonxitude, forma parte dun conxunto de 300 m² de superficie, que inclúe tres pantaláns e dúas ramplas de acceso. Xunto a el, instaláronse 330 m² de paneis de cemento adaptado e con tres tipos distintos de superficie (liso, con cavidades e con formas xeométricas cadradas superpostas) para crear artificialmente hábitats mariños; estes paneis, deseñados por ECOncrete, están formados de láminas ou fragmentos aparafusadas ao muro, susceptibles de ser extraídos co fin de analizar e estudar a fauna e a flora mariñas que os elixiron para a súa colonización. O lugar está dotado de cámaras de gravación submarina 24 h ao día.
Leva aberto ao público desde o 24 de marzo de 2023. Pódese participar dunha visita guiada nel, de forma gratuíta, nos seguintes horarios:
- os venres, de 16.00 a 20.00 h.;
- os sábados, domingos e festivos, de 10.00 a 13.00 h e de 16.00 a 20.00 h.
Os martes e os xoves, co obxectivo de concienciar aos máis novos da importancia de conservar o medio mariño, concértanse visitas cos centros educativos de Vigo e a súa área, que se complementan con talleres e actividades didácticas para promover o coñecemento e a comprensión dos ecosistemas mariños do Porto de Vigo.
Con todo, isto non é óbice para a celebración de visitas para outros grupos. Así, o propósito do observatorio é cuádruplo: científico e didáctico pero tamén turístico e recreativo. As placas informativas están tamén en inglés, para os visitantes doutros países que concorran á instalación cunha finalidade turística.
Sorry, no records were found. Please adjust your search criteria and try again.
Sorry, unable to load the Maps API.