O Ensanche é o Vigo no que levantaron as súas vivendas os indianos e os conserveiros cataláns, os que fraguaron a cidade moderna no século XIX e comezos do XX. En pleno apoxeo da burguesía viguesa, esta comeza a encargar grandes edificios tanto para as súas residencias como para as sedes das súas empresas e institucións. Famosos arquitectos sacaron o máximo partido do material por excelencia da construción en Galicia, a pedra, e salpicaron a cidade de auténticas obras de arte. Son edificios emblemáticos que aínda se poden admirar paseando tranquilamente polo centro de Vigo.
Este paseo sae do barrio histórico pola Porta do Sol. Dende alí pódense contemplar inmobles únicos, como o edificio Simeón, O Moderno ou o edificio Pardo Labarta, todos eles cun claro estilo afrancesado. Saíndo pola rúa Policarpo Sanz os edificios señoriais marcan o percorrido, destacando especialmente o Teatro García Barbón, de Antonio Palacios, o edificio Banco Galicia, de Pacewizc, Casa Bárcena (antiga sede do Cable Inglés e agora sede de Afundación) ata chegar á esquina dos catro bancos onde se conserva o edificio da antiga sede do Banco Pastor (antigo Banco de Vigo e hoxe Banco Santander).
Seguindo pola avenida García Barbón, a Escola de Artes e Oficios e as Casas de Oia (NH Collection), as dúas de Pacewicz. E nas suás inmediacións moitos máis edificios destacables como a igrexa neogótica de Santiago de Vigo. Ao chegar ao edificio Curbera (primeiro rañaceos da cidade), a ruta desvíase pola rúa Oporto ata o edificio Bonín, proxectado por Jenaro de la Fuente para o indiano Manuel Rodríguez e a súa muller Angélica Bonín.
A ruta remata na Alameda, praza de Compostela, na contorna de elegantes edificacións de pedra con fachadas impoñentes (destacar a Casa Yáñez e a Casa de Correos e Telégrafos) e na avenida de Montero Ríos co emblemático edificio Mülder (Gómez Román) e a súa cúpula revestida de placas cerámicas brillantes. Na beiramar, o edificio barco do Real Club Náutico e o Hotel Universal, que xunto coa súa terraza foi hai décadas un icono da cidade (hoxe AC Hotel Palacio Universal).
Se aínda che quedan folgos hai a opción de subir a rúa Urzáiz e contemplar os seus edificios emblemáticos. Salientar o edificio Albo, a Peineta, o Edificio de Camilo e Benigno Fernández e o Grupo de Casas de Benito Sanjurjo (Urzáiz, nº 11 ao 23). Estes últimos foron construídos de dous en dous, sendo as primeiras deseñadas por Pacewicz e o resto por Jenaro de la Fuente y Domínguez. Todas elas promovidas por Benito Sanjurjo.
Sorry, no records were found. Please adjust your search criteria and try again.
Sorry, unable to load the Maps API.