A Serra do Galleiro é un conxunto xeolóxico situado na provincia de Pontevedra e ocupa parte dos municipios de Mos, Pazos de Borbén e Ponteareas. Con máis de 700 m de altura sobre o nivel do mar, ten o seu punto máis alto en Couto do Lobo, de 743 m, que ofrece unhas panorámicas espectaculares. Cara ao oeste podemos observar a Ría de Vigo, e mesmo o aeroporto de Peinador é perceptible a simple vista; ao norte, temos a Enseada de San Simón e o Monte Xaxán; ao leste, a Serra do Suído e, ao sur, O Monte Galiñeiro, os Montes de Coruxo, a Serra da Groba, a Serra do Argallo, o Monte Aloia e o val do Louro; máis ao sur aínda, temos finalmente a cidade de Tui e Salvaterra de Miño, con Monção e as montañas de Portugal ao fondo. Ademais das vistas, resulta interesante coñecer o patrimonio arqueolóxico que deixaron os nosos antepasados da Idade do Bronce, ademais doutros restos prehistóricos, aínda que é aínda descoñecida a maior parte do patrimonio que alberga a Serra.
Polo lado de Mos, en Louredo, parecen existir os restos dun foxo de lobos. Temos, por outra banda, varios petróglifos e mesmo no alto de Cales atoparemos unhas poucas coviñas. Ademais, poderemos ver en varios lugares da Serra do Galleiro diversas inscricións e cruces datables da época moderna.
Na parte alta da Serra, pacen vacas cachenas e cabalos. A gran extensión do alto parece ser un xacemento formado por varias mámoas e mesmo poderemos ver os ortostatos do que parece ser un dolmen preto da caseta de vixilancia. Tamén hai un vértice xeodésico.
En adición ao patrimonio arqueolóxico existe un gran patrimonio cultural en forma de lendas vinculadas a San Gregorio, do cal se di que naceu nunha das cimas do Galleiro e que deixou as súas pegadas sobre unha rocha. Os grandes penedos que conforman a paisaxe da zona tampouco están exentos de lendas, como a coñecida Pedra Catanga, da que se cría que producía música e que curaba a infertilidade.
Para chegar ao alto do Galleiro, pódese iniciar a marcha a pé desde a igrexa de San Martiño, na parroquia de Nespereira. O percorrido dura aproximadamente tres horas e media.
Sorry, no records were found. Please adjust your search criteria and try again.
Sorry, unable to load the Maps API.