O Pazo da Raposeira, situado en Vigo, representa unha importante testemuña da organización e estrutura da cidade en épocas pasadas. Esta antiga propiedade lindaba cos terreos de Castrelos e destacaba polas súa grandes dimensións. De feito, percorrer os seus terreos a cabalo podía levar ata dúas horas, o que nos permite entender a extensión e relevancia da finca no seu momento.
A primeira parte do edificio que puidemos visitar data de hai aproximadamente 400 anos. A historia do pazo está estreitamente vinculada a Antonio López de Arauxo, quen transmitiu a súa propiedade á súa sobriña Teresa. Foi ela quen continuou ampliando as terras, ainda que a data exacta da súa construción non se coñece con certeza. Non está claro se Antonio López de Arauxo herdou a edificación dos seus pais ou se a mandou construír el, pero a estrutura inicial que visitamos podería datar do ano 1616, sendo o resto do edificio resultado de ampliacións posteriores de distintas épocas.
No interior do pazo atopamos diversos elementos reconstruídos que nos axudan a entender mellor a vida e a economía da época. Un dos máis chamativos é o lagar, utilizado para a produción de viño. Tamén se conservan unhas escaleiras cortadas, un detalle que proporciona valiosa información sobre a organización interna do pazo. A existencia dun segundo andar suxire que vivía e traballaba máis xente do que se esperaba, indicando unha actividade económica intensa. Aínda que non se dispoñen de cifras exactas, este tipo de vestixios permiten ampliar as liñas de investigación histórica.
Desde o punto de vista arquitectónico, o pazo presenta características propias da Idade Media, como os seus muros de case un metro de grosor, que reforzan a súa robustez e a súa función defensiva.
Tras a etapa da familia Arauxo, o pazo pasou a ser residencia dos Arce. Un dos seus membros máis destacados, Andrés de Arce, foi o deseñador da muralla de Vigo. A distancia entre o pazo e o casco vello, onde se atopaba a muralla, reflicte a separación social que estas familias pretendían manter co resto da poboación.
Nunha das salas da planta superior atopamos unha porta con reixas negras e, xusto enriba, un burato escavado na pedra. Trátase dun mecanismo defensivo que permitía disparar desde dentro mantendo a protección. Ademais, no chan aínda se poden ver as marcas cadradas dunha trampilla que daba acceso a este espazo estratéxico.
Co paso do tempo, os pazos foron evolucionando: de centros de comercio e agricultura convertéronse en residencias campestres. Como resultado, non todas as súa estancias eran utilizadas polos seus propietarios en cada época, e algunhas zonas quedaron en desuso ou en estado de abandono.
Os seguintes en formar parte da historia do pazo foron os Montenegro, unha familia procedente de Lugo. Son os donos do escudo que decora a entrada e entre eles destaca Amador Montenegro Saavedra, unha figura relevante a partir de 1850. Amador foi un galeguista comprometido, fundador do xornal “A Razón” (sen relación co actual), ademais dun prolífico escritor sobre agrarismo.
Continuando co percorrido, na sala superior atopamos unha ampla mesa na que se expoñen documentos históricos pertencentes aos distintos propietarios do pazo. Entre os obxectos máis destacados está un caderno de bordados de 1932, unha partitura para piano de 1901 e unha fotografía do papa Pío X.
Baixando cara á planta intermedia, atopamos unha sala cun forno ou cheminea, da que só se conserva a estrutura de pedra restaurada. Non se sabe con certeza a súa función orixinal, pero podería tratarse dunha cociña ou dunha sala de recepción. Desde aquí, unha escaleira de pedra exterior conecta a segunda planta cos xardíns, marcando o final da visita guiada.
Por último, o pazo conta cunha lenda que engade un aire máxico á súa historia. Díse que, tras a morte de Sebastiana de Arce no século XVIII, o seu espírito quedou atrapado no pazo e que aínda vaga polas súa salas, alimentando o misterio que rodea este emblemático lugar.