Propoñémosche un plan polos muros e medianeras de Vigo. Un percorrido polos muros e fachadas da cidade pintadas por artistas que converten as medianeras nunha galería de arte ao aire libre. Son case 160 obras distribuídas por toda a cidade. Imos alá!
Zona Travesía. Comezas no número 109 da avenida de Galicia cunha obra de Míster Kern: un rapaz loiro con anteollos que contempla con abraio á ría de Vigo. Sigues a avenida ata a rúa Buenos Aires e colles a senda verde. Antes de coller a senda, tes na entrada da autoestrada o mural de Boamistura, unha combinación de letras en diferentes tons (entra á vía verde pola esquerda e terás unha visión incrible por debaixo da entrada da autoestrada). O primeiro que podes observar dende a senda é o mural das Illas Cíes nun edificio da rúa Trobos. Vas ter que saír da senda cando atopes o mural de Juan Díaz Faes no edificio situado no número 87 da rúa Coutadas. Se saes da senda pola dereita e baixas a rúa uns poucos metros, ao chegar a piscina municipal, tes que voltar para poder ver o mural “Mulleres na música”, onde Vanesa Álvarez, co apoio de Lorena Arévalo, rematou a sexta achega do proxecto Expostas. E se saes da senda pola esquerda atopas a obra da artista Alba Fabre cunha grande imaxe que recrea a carta de tarot de ‘O Colgado’. Sigue pola mesma rúa ata o final e, antes de dar a curva, xira para atopar outro mural do programa Expostas. Esta vez é unha homenaxe a mulleres referentes: Rosalía de Castro, Emilia Pardo Bazán, Clara Campoamor; Maruja Mallo e Concepción Arenal. Agora podes subir as escaleiras da dereita e chegar á rúa Aragón co cruce con Subida Currás, 188, onde está o mural de Belin “Guerra e Paz”. Cruza e volve outra vez a Travesía. Atopaches ao personaxe de Morris na serie Fariña? Asinado por Mon Devane está na esquina do número 160. Agora podes retomar a senda verde cara o centro ou seguir por Travesía a ver se atopas a “Nai e fillo” de Elisa Capdevila. Agora si, xa podes baixar cara á vía verde pola rúa Doutor Canoa e atoparte con Abi Castillo…
Misión: atopa a Daniela Costas e BFlecha en Mulleres na música.
Zona Centro. Vai pola senda verde ata Vialia. Neste segundo tramo, ao chegar á altura da praza San Lourenzo, xa tes unha vista doutros tres murais: xirando atopas “Mulleres no deporte” (outro máis dentro do programa Expostas), rúa arriba a obra de Virginia Bersabé “identidad de la mujer mayor” e en fronte a homenaxe de Nana ás mariscadoras. Continúas a camiñar e mirando á esquerda para atopar o mural cheo de cor da rúa Pino. Xa en Vialia, achégate ás varandas do lado dereito e desde alí descubre o gran Gato Negro deseñado por SAM3 e un pouco máis adiante os murais de Twee Muizen. Seguindo ata á rúa Urzaiz, xusto de fronte atopas o mural de 3ttman nas dúas medianeiras do edificio nº 62. O primeiro, podes velo desde Vialia pero, para ver o segundo, terás que achegarte á rúa Urzaiz e baixar ata á rúa Brasil e xirar. Sigues baixando Urzaiz, xiras na rúa Cervantes e baixas ata García Barbón. Cruzas no semáforo e baixas pola rúa Roupeiro. Antes de baixar as escaleiras, a man esquerda, xa tes un mural e un poema que completan a obra de Marcos Míguez Puhinger como homenaxe á poeta María do Carme Kruckemberg. Sigue a rúa Rosalía de Castro cara á dereita e na parede do colexio Niño Jesús de Praga, podes ver a obra da artista María Romero. Vai á rúa Areal por Canceleiro e xira á esquerda e despois do edificio Bonín (esquina Oporto) tes o mural monocromático de David de la Mano. Para rematar imos achegarnos ata o final de Montero Ríos para ollar o mural de Isaac Mahov, que amosa a unha nova descansando sobre un mar en calma.
Misión: atopa o veleiro e o faro neste último mural.
Zona Berbés. Continúas ou comezas a ruta na Porta do Sol por un lateral do edificio Simeón e subes as escaleiras de doctor Cadaval observando o mural de Eli.Zissou. Sigues subindo e, á altura do número 12, podes ver a obra de Berta Caccamo. Ao chegar a Abeleira Menéndez baixas e atopas o Mural “Homenaxe á muller” do artista Magalhães, xusto diante da pinacoteca viguesa. Camiña ata o Paseo de Alfonso e baixa ata a rúa Torrecedeira para desfrutar da “Balea” de González y Fernández e “O pescador” de Federico Draw. Se sigues a rúa e baixas por Gaiteiro Ricardo Portela atópaste en fronte con #Ninunhamenos, protagonizado por tres mulleres reais e creado pola artista Vanesa Álvarez en colaboración co colectivo Til diacrítico, dentro do proxecto Expostas. Sigues a baixada e cruzas a rotonda ata o porto. Na entrada do túnel podes ver o mural de Lidia Cao. Volve cara atrás por #Ninunhamenos e baixa por Marqués de Valterra para descubrir no número 8 a obra de Lorena Arévalo ou o mural pintado por Iria Blanco e os alumnos do colexio Ramón y Cajal. Xusto en fronte do colexio tes as escaleiras co mar embravecido e a balea Leviatán de Ramón Trigo e, un pouco máis adiante, o mundo de cor de Fernando Viscasillas. Colle o ascensor e volve á rúa Torrecedeira 21, sube estas escaleiras cheas de boias do artista José Miguel Sagüillo. Na rúa Llorente o mesmo autor é o encargado de somerxernos no mar pintando todas as paredes da rúa e as escaleiras que suben a Pi y Margall. Xa de volta a Torrecedeira, no parque Camilo José Cela atopamos “Loita por Vigo” de Ash Santos e, continuando o camiño, hai outras escaleiras con motivos mariñeiros de No3l. Dende aquí podes subir ao cruce de Peniche con López Mora e observar o traballo de Antón Pulido na praza “Os abrazos”. Logo podes elexir entre ir por López Mora e botar unha ollada aos murais da casa da Xuventude ou volver a Torrecedeira e ver o traballo de Moon Venture na pista deportiva ao carón da escola de Comercio. Xa na rúa Coruña, baixando cara ao mar, es capaz de atopar a homenaxe ao Marisquiño? A obra de PowOne en equipo con PrimAsten está no nº 31. Iso se baixas, se subes cara ás Travesas podes atopar o mural de Liqen e Mona Caron na praza antes do edificio de Facenda. Toca baixar ata á rúa Tomás Alonso e camiñar ata á curva de San Gregorio para atopar nun edificio de Beiramar o polbo xigante creado por Delio Rodríguez Ces (no camiño presta tención na rúa Ánimas e á súa serea). Agora tes dúas opcións: baixar polas escaleiras e chegar a Beiramar, onde podes ver o Mural de Expostas “Mulleres na conserva” de Vanesa Álvarez e Lorena Arévalo e, doutro lado da rúa, nas paredes dos asteleiros Cardama, a historia do asteleiro pintada por Antonio Barbará. Se segues camiñando cara a Bouzas (se non baixaches a Beiramar) as “Mulleres nas letras” aparecen diante de ti no número 247 da rúa. Outra vez Lorena Arévalo e Vanesa Álvarez e o programa Expostas. Vai cara á alameda e na rúa Paulino Freire, no número1 tes o mural de Daniel Muñoz “Catálogo de ornamentos e fogos artificiais”, en Eduardo Cabello, 8, o mural de Pedro Sardiña dedicado a Martín Códax e ás súas “Ondas do mar de Vigo”. Vai á parte traseira do pavillón está o mar e montaña “un universo diferente” de Elara Elvira e Ana Santiso e unha personaxe de Abi Castillo. E, xa para rematar, se vas polo paseo ata a curva no muro da urbanización Sotavento hai o mural dos Disenhatas da Fundación IgualArte.
Misión: Atopar a Serea da rúa das Ánimas “Denantes mortos que escravos” de honey23pv.
Zona Coia. Podes comezar no número 111 da avenida Atlántida co mural de Sabek, e seguir no número 67 vendo o mural de Nano4814 e no 52 atopar o puzzle colorido de Popay. Se segues cara ao centro, na rotonda subes Tomás Paredes para buscar os dous murais denominados: “cunca de viño” firmados por Mon Devane. Unha vez vistos estes, colles á esquerda pola rúa Miño e sigues pola rúa Abaixo dende onde podes ver na rúa do Medio a historia de animais asinada polo artista Javier Aguilera. Despois sube ata á rúa Vilagarcía e continúa a búsqueda de “Eugenia e o dragón de batea” de Yoseba MP. Antes de chegar a Eugenia non deixes de ollar cara á esquerda. Na rúa Bueu tes a Isabel “A ostreira”retratada ao grande por Mon Devane. E xa podes ir cara á avenida de Castelao, cruzar a rotonda e buscar nas paredes do colexio os murais “Génesis” e “Gnosis”, obras do artista Peri Helio. Sigues por Castelao moi pendente do mural dedicado á Reconquista viguesa, o de Diego As no número 29 e das escaleiras que comunican a rúa Castelao con Quintela, que están decoradas coa obra de Alejandra Tomé, Dispersa. Se cruzas a avenida tamén tes moita arte nos edificios do lado esquerdo: os murais de Milu Corvech e Sergio González “Pinche” un pouco máis abaixo. Achégate á rúa Florida, primeiro atopas o mural de Lula Goce e un pouquiño máis adiante, á man dereita o mural dedicado a Xulio Verne da man de Alejandro Fernández, Gonzalo Alonso e Powone. E se na búsqueda viches polo rabillo do ollo as paredes do colexio Laxeiro, non deixes de achegarte a contemplar a obra das artistas Lorena Arévalo, Tania Solla e Alba Prego en homenaxe ao pintor. Cruza a rúa e vai ata Fragoso para gozar do mural de Pilar Alonso no número 93. Agora podes ir cara a Balaídos, pasar as pistas de atletismo e seguir ata Pablo Iglesias 20, onde terás que xirarte para ver o mural “O galego”, obra do artista Aleksei Bordusov, tamén coñecido como Aec Interesni Kazki. Aproveita o paseo do Lagares (atención á ponte medieval á dereita) ou por Portanet (máis rápido) e vai ata a avenida Clara Campoamor 21, onde atopas a obra Afouteza, de Anastasia Belous, Artbelous. Despois podes parar no parque de Castrelos e tomar un descanso ou seguir ao número 31 da Avenida de Balaídos, onde terás “Viudas de vivos” obra de Taquen. Xa de volta en Castrelos, sube ata ao número 80 e podes ver a refrescante obra de Antonyo Marest. E un pouco máis arriba, nas paredes do pavillón de deportes deixámoste coa obra de Hazul.
Misión: atopar o rato no mural de Diego As.
Zona Gran Vía-Calvario. Podes comezar a ruta na rúa López Mora número 60, baixando as escaleiras que levan ao camiño da Seara. Alí podes descubrir os murais de Davida facendo un chamamento á reflexión. Subes logo á praza de Independencia cara a Regueiro para buscar o mural de Disneylexia e volves pola otra beirarrúa para entrar no 5 interior e ver a obra de PowOne “Vigo por Pacheco”. Sigues por Camelias cara ao nº 49, pero fas un alto na rúa Don Quijote para ver o mural de Pelucas nas escaleiras e, xa no 49, atopas o mural conxunto de Mina Hamada e Zosen Bandido. Un pouco máis adiante, xiras na primeira á dereita e descubre a obra de Sax na subida a Romil. Sube á rúa Hispanidade para atopar o mural de Liqen no nº 66. Sigue a rúa, parando no Mural de Nuno Barbedo das escaleiras. Continúas por Camelias cara ao centro ata Blein Budiño con Ronda de don Bosco para atopar a Villalobo e a súa caracola debaixo da columnata de Jenaro de la Fuente. Baixa ata ao cruce con Ecuador e atopa o mural de Carola Carrot e logo sube ata Venezuela onde ao lonxe destaca o mural de “Equipo plástico” no nº22. Vas ter que subir un pouco máis ata o comezo da rúa Barcelona ou Ramón y Cajal, 12 para ver o mural de Gleo. Na praza de España goza do mural “Cestola na Cachola” da Cooperativa de traballo asociado sen ánimo de lucro e logo rodea a praza vendo a escultura dos Cabalos e vira pola avenida de Madrid para baixar a rúa Emilia Pardo Bazán e parar no número 100, onde está o mural de Erb Mon e logo, no 108, o de Alex, Bumblebee. Vas cruzar a avenida e entrar na rúa Gregorio Espino e subir ata o 41 para ver a obra de Tamara Alves. Podes subir a San Roque e buscar o mural de Baz para logo baixar por Reiseñor, cruzar Gregorio Espino e entrar na rúa Médico José Fiaño (primeira á esquerda) para dar co mundo de ventás de Ampparito. Cando remates, volves a Gregorio Espino para no 19 atopar o mural de Alejandro Fernández. Sigues ata a rotonda para xirar por Jenaro de la fuente e buscar o gato xigante de Susi Hammer. Dende aquí vai á rúa Palencia e busca a Fundación Igualarte no nº 34 para logo continuar cara á rúa Cantabria 34 e buscar “Tempo de colleita”, o mural de Natalia Andreoli e Lina Castellanos “Dúo Amazonas”. E xa estamos na recta final! A ruta vai por Ramón Nieto ata o 331 para ver a obra de Xena e un pouquiño adiante, na 1ª travesía de Barreiro, 8, impresiona o mural “Historia do Tranvía” de Etienne Vigier. Que che pareceu? Tes algún favorito?
Misión: Atopar as ventás verdadeiras no mural de Ampparito.