O punto de partida é na praza do concello de Gondomar. Comeza na casa do Concello e pasa polas casas de estilo indiano como Villa Sudamérica, Casa Ascensión, Casa Peralba ou Villa Brasil para chegar á igrexa de San Bieito. Igrexa de orixe medieval que debe a súa localización á existencia dunhas fontes milagrosas que se atopan a poucos metros.
Dende o camiño da Feira de Doce o roteiro segue pola praza da Paradela por un empedrado ata chegar a unha ponte cun peto de ánimas.
O regreso ao centro de Gondomar faise pola ribeira do río Morgadáns, onde están recuperando antigos edificios patrimoniais do concello, como o matadoiro ou o mercado. A poucos metros, podes ver a estatua homenaxe a Diego Sarmiento de Acuña, primeiro conde de Gondomar e un dos mellores diplomáticos das Cortes de Felipe III e Felipe IV. Á relevante vida política hai que sumarlle a súa vida literaria. Esta paixón polos libros, levoulle a buscar e seleccionar os máis variados exemplares para a súa biblioteca, que chegou a ser unha das máis célebres da súa época.
E xa, debaixo da ponte do río Zamáns, atopas o acueducto, a ponte e o muíño. O acueducto O Bravo atópase situado no curso do río Zamáns ou Vilaza. Data do século XVII, posúe tres arcos de medio punto e dous aliviadeiros adintelados a ambos lados para épocas de crecidas puntuais. A uns cincuenta metros río abaixo atopamos outras ruínas: unha construción realizada con pedra e que conta cun tosco arco rebaixado no que existe un oco onde aínda se conservan os blocos refractarios que poderían formar parte dun posible forno. Nas proximidades existe unha pedra coa seguinte inscripción: A JUAN PSE ANO DE 1696.
Se queres aproveitar a fin de semana, tes a posibilidade de quedar nalgunha das casas de turismo rural que hai na zona ou mesmo no Pazo de Villares ou no Pazo da Escola (antiga edificación do século XVIII chamada Pazo de Mendoza).
Se quedas, ao día seguinte podes facer plans de río ou de monte. O río Miñor chega ao final dende a serra do Galiñeiro ao esteiro da Foz, lugar incorporado á Rede Natura e perfecto para o avistamento de aves. Se optas pola ruta do monte, achégate a Vincios e comeza a subida do Galiñeiro. Que goces coas vistas!
Misión: localizar algunha das grúas de pescozo longo pousadas nun só pé que viven no esteiro da Foz.