A Ruta dos Montes de San Cibrán atópase nas parroquias da Picoña e San Xurxo do concello de Salceda de Caselas, parroquia de Cans do concello do Porriño e barrio de Couso (parroquia de Guláns) do concello de Ponteareas. Trátase dunha ruta lonxitudinal de 12,83 km, aínda que se pode aproveitar o trazado do Sendeiro das Greas GR-58 para realizar un percorrido circular.
A ruta iníciase no Alto do Confurco e ascende pola beira do regueiro de Couso, onde se atopa a fervenza da Galomeira e se poden visitar varios muíños. Estes foron restaurados no 2008 e en varios deles tamén se recuperou o mecanismo de moenda. Dende aquí a ruta ascende ao pobo de Couso onde discorre entre leiras e casas para, pouco a pouco, chegar ao monte comunal de Couso e subir entre masas de piñeiro cara á área recreativa de San Cibrán.
Unha vez no alto de San Cibrán, onde se pode aproveitar para tomar un descanso, a ruta descende cara á parroquia de Picoña e discorre paralela en moitos tramos ao río Caselas, que presenta en varios puntos unha rica vexetación de ribeira e varios muíños. O sendeiro percorre o fondo do val onde se sitúan a maior parte das casas e se atopan varias construcións interesantes: lavadoiro, antigas escolas, muíños e peto de ánimas.
Dende o fondo do val o sendeiro ascende de novo cara aos montes do comunal de San Xurxo e vaise afastando das leiras e das casas para volver a discorrer entre masas de piñeiros e eucaliptos, nas que se atopan restos de varias cortellas, muíños e pozas. A ruta finaliza na área recreativa das Conforcadas, onde se pode enlazar con Sendeiro das Greas GR-58 para regresar ao alto de Cans e realizar un percorrido circular.