O concello de Redondela identificou os bancos situados na Alameda Castelao e na Alameda Rosalía de Castro de Chapela. O fin é o de perpetuar o nome e a historia de persoas ilustres de Redondela ou daquelas que mantiveron relación co municipio.
Paseando polas alamedas de Chapela e Redondela podes ir coñecendo a historia destas personaxes históricas. Nomes como o de Alejandro Otero (1888-1953), médico, catedrático e rector da Universidade de Granada, diputado socialista e morto no exilio; Telmo Bernárdez (1885-1936), médico, líder agrarista e alcalde de Redondela, fusilado no 1936; José Figueroa (1880-1912), emigrante en Brasil, filántropo e benfeitor de Redondela e Ernestina Otero (1890-1956), profesora de mestres, e unha das primeiras pedagogas de Galicia.
A estes nomes súmanse tamén o de Paulina Sánchez (1898-1971), mestra e activista cultural; Antonia Míguez Lago (1917-2001), unha das primeiras mulleres sindicalistas de Redondela; Lois Pereiro (1958-1996), poeta de culto; Mulleres solidarias de San Simón (1936-1943), todas aquelas mulleres de Redondela que practicaron a solidaridade cos presos políticos detidos na illa de San Simón e no barco Upo Mendi; Juana Domínguez Núñez (1884-1967), dona da Taberna Nador onde nunca faltou pan para quen tiña fame; Ignacio Ramonet (1943), xornalista e profesor nado en Redondela, director de Le Monde Diplomatique; A estirpe Cal (s. XX), fotógrafos da vida e alma de Redondela comprometidos co pobo galego; Rita Regojo (1929-2011) fundadora de Aldeas Infantís de Galicia; Felipe Cordero Carrete (1895-1988) nado en Redondela e emigrado en América, foi membro do Seminario de Estudos Galegos; Josefa Puga Docampo (1919-1995), muller represaliada polo franquismo que mantivo a dignidade ante os menosprezos sufridos; e Suso Vaamonde (1950-2000) veciño de Chapela que destacou dentro do movemento de Voces Ceibes.
Misión: atopar o banco dos Cal.