Punto de partida: A ruta comeza no Museo Salinae (martes a domingo de 11:00 a 14:00). Á saída subes cara ao Museo MARCO pola rúa García Barbón gozando dos edificios que atopes no camiño. Ao saír do Marco, aproveitando que estás na rúa do Príncipe podes pasear, ir de compras, gozar dos edificios ou comer petiscos no Elixio e lembrar a Laxeiro, Lugrís, Cunqueiro ou Domingo Villar e ao inspector Caldas. Entras no casco vello pola Porta do Sol e alí podes buscar ao Sereo, ao galo do edificio Simeón, e despois baixar pola praza da Constitución e A Pedra ata chegar ao mar. Na dársena de remolcadores (á esquerda do CC A Laxe) atoparás o Observatorio Submariño que ofrece contemplar a flora e a fauna que hai na contorna do litoral portuario. Podes aproveitar para achegarte ata o Monumento ó Cable e investigar sobre a historia do VíaVigo e do cable inglés e alemán na cidade. Ao seu carón está a estatua de Vigo Sempre Benéfica e o Reloxo de Sol Ecuatorial. De camiño a Montero Ríos, atópaste coa familia que despide ao emigrante e se sigues atoparás as estatuas do Nadador de Francisco Leiro e a de Xulio Verne co polvo.
Misión: atopar a Manuel Castro e ao seu xornal nas inmediacións do Marco.
Punto de partida: Igrexa de Bouzas (se é no domingo aproveita para visitar a feira). Saes polo paseo cara a Alcabre bordeando o mar ata o Museo do Mar de Galicia. Visita e goza tanto do interior como do exterior do edificio do arquitecto italiano Aldo Rossi rematado por César Portela. Camiña ata o pequeno acuario e o grandioso faro. Á volta do faro para nos castros celtas que forman parte viva do museo, pasea polas praias e as rochas (sempre dependendo das mareas) e volta ao punto de partida. Tras o Pazo dos Escudos hai unha explanada perfecta para descansar (e atopar os niños xigantes das cotorras de Kramer) e continúa o camiño ata a vila de Bouzas. Xa na igrexa, tes dúas opcións: visita da vila mariñeira ou continuar o paseo polo lado dereito contorneando a costa ata chegar ás esculturas en bronce dos habitantes mariños. En calquera caso, non perdas o solpor sobre as Cíes.
Misión: atopar o niño das cotorras Kramer.
Punto de partida: Praia do Vao. Podes gozar da praia e da sombra dos piñeiros ao mesmo tempo que aproveitas o tempo para facer unha escapada á única vila romana de Galicia escavada integramente que pode ser visitada (no verán hai visitas teatralizadas). Se tes tempo podes chegar á praia de Samil e visitar o Verbum, practicar baloncesto, skate ou se vas con nenos aproveitar as piscinas do paseo. Para cear, seguindo pola praia da Fonte hai uns chiringos sobre a praia con incribles vistas as Cíes. Outra idea: se non vai moita calor e es skater, tes preto o novo barrio de Navia e a súa nova Pista de skate.
Misión: atopar a vaca Cristobal Colón nos arredores do Verbum.
Punto de partida: Aparcadoiro rotonda do monte do Castro. Hoxe propoñémosche unha visita ao monte da cidade de Vigo. Terás que adaptar a visita segundo a cita que teñas (previamente pedida) para poder acceder aos novos túneles teatralizados coa batalla de 1.719. Se hai tempo, primeiro podes pasear pola Fortaleza do Castro e os seus miradoiros. De ahí podes seguir baixando pola faldra do monte ata o monumento aos Galeóns de Rande (tres áncoras dalgúns dos galeóns afundidos na ría) e logo perderte entre as árbores para descansar ou facer un picnic. De ahí xa estás moi preto dos castros celtas e podes visitar a súa musealización e os restos históricos atopados. E agora dúas opcións: se viaxas con nenos ou nenas podes visitar os parques infantís ou as pistas de bicis e skates que están preto do aparcadoiro ou, opción dúas, baixar ata o concello e visitar as murallas do castelo de San Sebastián no casco vello alto. Logo baixar ata a Pinacoteca Fernández del Riego e visitar as obras dos fondos municipais sobre a pintura galega, e acabar o día ruando e buscando sitio para cear na praza da Constitución ou da Princesa.
Misión: atopar o mural de Magalháes no muro da pinacoteca.
Punto de partida: parque de Castrelos. Propoñémoste un día campestre con moita historia. Primeiro unha visita ao Museo Quiñones de León e aos seus xardíns. Paseo polo parque para escoller a zona de picnic: onde os patos? Onde o baloncesto? Onde o parque infantil? Onde a Calistenia? Ti elixes! Pola tarde podes aproveitar para visitar o Museo Liste e adiviñar para que son eses estraños artiluxios que están alí expostos. Outra opción de tarde: visitar o cemiterio de Pereiró e as tumbas dos seus ilustres moradores. Opción verán: apuntarte a un dos concertos de Castrelos no seu auditorio ao aire libre.
Misión: atopar o pombal nos xardíns do Pazo Quiñones de León.