Comeza o paseo na Oliveira de Vigo, no paseo de Alfonso preto do Monumento aos cantores, poetas e trobadores.
Dá unha volta á praza e elixe o teu camiño: cara arriba, o castelo de San Sebastián espérache se aínda non o visitaches, á esquerda as rúas do casco vello alto que te levarán ata a Pinacoteca Fernando Fernández del Riego, a rúa Elduayen dirixíndote á Porta do Sol, detrás o miradoiro sobre a ría e a rúa Poboadores que desemboca no Berbés para mostrarche as casas mariñeiras cos seus soportais e a súa historia.
Dende o Berbés podes subir pola rúa Real e ir subindo paseniño, observando os edificios que pouco a pouco foron recuperándose. Ao chegar ao número 12 podes ler a placa que publicita a imprenta de Juan Compañel, a imprenta onde se imprimiu “Cantares Gallegos” de Rosalía de Castro (aínda que hai escritos que a sitúan no número 21). Casa Bárcena, casa de Ceta, antigo Concello… Non perdas a igrexa de Santa María coñecida como Concatedral de Vigo onde está o Cristo da Victoria e aproveita para cear nun dos moitos restaurantes do casco vello.
Misión: atopar algún dos tres reloxos de sol que hai no casco vello.