Este é un percorrido lineal que discorre ao longo da ribeira do río Miñor, onde se poden observar árbores típicas do bosque de ribeira.
O paseo comeza no Parque de Ánimas, na Avenida Conde de Gondomar, e remata na fervenza do río Miñor (Fervenza dá Torre) para logo regresar ao parque polo mesmo carreiro.
A primeira parte do percorrido está un pouco descoidada ata chegar ao cruzamento coa estrada, pero a partir de ahí o camiño segue a beira do río que ofrece unha paisaxe encantadora. Esta parte do roteiro é coñecida como o “bosque máxico” pola súa beleza.
Na zona da Fervenza dá Torre, a paisaxe vólvese aínda máis espectacular coa chegada das choivas, xa que o caudal do río aumenta, creando unha contorna máis atractiva.
O punto de inicio da ruta sitúase no Parque das Ánimas, localizado na Avenida Gondomar. Esta avenida conecta directamente o Concello co parque, sendo un acceso cómodo tanto para veciños como para visitantes. Ademais, o parque conta cun aparcadoiro de terra, onde se pode deixar o coche antes de comezar o percorrido.
O parque é, o mesmo tempo, un punto de interese e unha zona de descanso, onde podemos atopar un parque infantil, merendeiros e cafeterías. Se continuamos ata o final do camiño que vemos na fotografía, atopámonos cun dos puntos máis relevantes do roteiro, a Ponte das Ánimas ou Ponte Alta da Paradela. É unha antiga ponte que conserva un deseño elevado e algunhas marcas dos canteiros que o construíron que nos fan pensar que a súa orixe podería estar na época medieval. O tipo de pedra e a forma de construción suxiren que puido ser reconstruído nalgún momento. Non hai datos claros sobre a súa orixe, pero creese que xa existía no século XVII, cando Diego Sarmiento de Acuña fixo a porta do Sol e os camiños que a conectaban cos roteiros xa existentes. A ponte tamén é coñecida como Ponte das Ánimas debido a presencia nela dun monumento relacionado co purgatorio: o Peto de ánimas, que foi colocado ahí, sobre ela, probablemente a finais do século XVIII ou principios do XIX.
Datos de interese
Ponte das Ánimas: Un dato de interese é que elévase no lado norte do río, o que permitía cruzálo cando este crecía, subía o nivel da auga.
Peto de Ánimas: Os petos de ánimas son unha das grandes manifestacións materiais do culto aos mortos en Galicia. Segundo a tradición popular, estes pequenos santuarios, na súa maioría pétreos, teñen por función salvagardar o recordo das almas en pena do Purgatorio e tamén pedir por elas a través do rogo e as esmolas.
Para continuar, debemos avanzar polo carreiro sen cruzar a ponte. Este camiño levaranos ao longo da beira do río Miñor, guiándonos polo seu curso de maneira continua. A medida que seguimos o traxecto, a carón do río, poderemos apreciar extensas hortas, campos verdes e terreos cultivados, que forman parte da paisaxe rural da zona.
Durante este primeiro tramo do percorrido, o carreiro ten ramais descendentes en varias partes cara ao río, ofrecéndonos a posibilidade de achegarnos ao seu leito. Con todo, é importante ter precaución coa fauna, xa que o terreo pode estar cheo de babosas, polo que convén prestar atención a cada paso que damos. Ao outro lado do río, onde predominan os terreos privados, tamén é común ver animais domésticos como cabalos e ovellas pastando tranquilamente, o que engade un toque pintoresco e rural á experiencia. Á metade deste tramo do percorrido atoparémonos coa Ponte de Maceiras, unha pequena ponte de madeira que cruza o río. Aínda que, a partir deste punto non hai acceso a outros camiños transitables, é recomendable subir a él para gozar dunha vista elevada do leito do río. Desde alí, poderemos apreciar, con máis detalle, a auga fluíndo e a beleza natural que rodea a contorna, antes de retomar o noso camiño pola mesma beira que levabamos ata o de agora.
Despois de pasar a Ponte de Maceiras, continuamos o noso percorrido seguindo o camiño ata chegar ao final desta primeira parte do traxecto. Aquí atoparémonos cunha estrada que debemos cruzar con precaución. Unha vez que estemos na outra beira da rúa, xiramos cara á dereita e camiñamos uns metros máis para dar comezo á segunda parte do roteiro, onde nos agardan novas paisaxes. Este punto é especialmente importante, xa que non está ben sinalizado e é fácil pasar por alto a entrada ó resto do roteiro.
Comezamos a segunda parte do roteiro, coñecida por ser moito máis rica en flora e, visualmente, moi fermosa. Esta zona, é a miúdo chamada “Bosque Máxico”, debido a súa beleza natural e flora, incluíndo amieiros, salgueiros ou bidueiros, que parecen sacados dun conto de fadas. As árbores ofrecen unha densa sombra ao longo do camiño, o que fai que esta sección sexa máis fresca e agradable para camiñar, especialmente en días asollados. Do mesmo xeito que na primeira parte, debemos seguir a beira do río para manternos no percorrido correcto, aínda que o carreiro segue sendo lineal e sen demasiadas interseccións
Neste tramo, atoparemos pequenas praias fluviais onde é posible descansar. Tamén nos cruzaremos con algunhas pequenas fervenzas e zonas do río máis estreitas, que crean paisaxes impresionantes e recunchos tranquilos.
Esta parte do percorrido tamén é coñecida por ser unha zona de pesca, especialmente popular entre os afeccionados á pesca de troitas. Se es afeccionado a esta actividade, poderías ter a oportunidade de gozar dunha xornada de pesca nunha contorna natural e tranquila.
Pero lembra que se planeas pescar no río debes se respectuoso coa contorna e a fauna do lugar e respectar todas as normas legais.
Chegando cara ó final do traxecto poderemos observar, na outra beira do río, o Muíño do Quintas. Aínda que a información sobre este muíño é limitada e está parcialmente cuberto de maleza, a súa estrutura consérvase bastante ben. A pesar da vexetación que o rodea, é posible apreciar os detalles da súa arquitectura que engade un toque interesante á paisaxe. Este muíño, aínda que algo oculto pola vexetación, ofrece unha visión do pasado da zona e contribúe á enriquecer a atmosfera máxica do percorrido.
Ao longo do percorrido, podemos atoparnos con algúns troncos caídos ou zonas onde a vexetación está un pouco alta, pero o camiño segue sendo accesible sen grandes dificultades. Un aspecto destacado da flora son as estrelas de fogo, que mencionamos anteriormente, e que engaden un toque vibrante, coa súa cor laranxa, á paisaxe. Agora imos cara a fervenza e, a medida que nos achegamos a ela, o carreiro desvíase brevemente da beira do río e atravesa unha zona con eucaliptos moi altos, o que ofrece unha pequena variación na paisaxe.
Despois de cruzar o eucaliptal, regresamos ao bordo do río e, un pouco máis adiante, chegamos a un dos puntos máis destacados do percorrido: a Fervenza dá Torre alimentada polas augas do río Miñor. Aquí, o camiño interrómpese debido a un muro natural de pedras desde o que cae a auga, facendo inviable continuar. É unha zona interesante para explorar, aínda que hai que ter coidado, xa que as rochas están maiormente cubertas de musgo, o que as volve esvaradías.
Con todo, o máis impresionante é a propia fervenza, cuxo caudal aumenta considerablemente se choveu recentemente, ofrecendo un incrible espectáculo natural.