Pazos. Senda do Río Barragán.

O Río Barragán ou Freaza nace na parroquia de Traspielas, entre Freaza e Boente, a case 480 m de altitude. O seu curso avanza cara ao norte, en dirección a Fornelos de Montes. O “Sendeiro do Barragán” é un roteiro vinculado á auga e ao seu aproveitamento. Percorreremos a súa fantástica fraga, que pode considerarse o bosque caducifolio oceánico máis importante da provincia de Pontevedra. Ademais atoparemos levadas, muíños, pontes de pedra, pasarelas e pontes de madeira, muros tradicionais, pedras ou “poldras” no medio do río, camiños lousados, un acueduto datado en 1787, que canalizaba as augas para o rego das terras de cultivo e, como broche final os restos de A Cidade, un poboado gandeiro construído sobre os restos do que puido ser un castro.

Tipo de ruta: Circular

Lonxitude: 10,87 km 

Altitude máx: 464 m 

Desnivel: 220 m 

Dificultade: Media-Alta 

Duración: 4h e 45mins 

Perigosidade: Especial coidado no tramo que coincide co “Sendeiro das Greas” (vermello/ branco) e se levamos nenos pequenos, nalgúns tramos, levalos da man. 

Recomendacións: Perfecta en primavera, verán ou outono (coidado coas horas de luz e Tª, xa que hay tramos moi frondosos). 

Apta para todo o público (no comezo da ruta non se pode ir en cadeira de rodas). 

Calzado impermeable. 

Áreas de descanso a carón do Muíño do Abade e bancos . Con de servizos, paradas de autobús e un aparcadoiro tras a igrexa.

Punto de partida: Igrexa de San Paio de Moscoso, sito nunha paisaxe de montaña e xunto ao Centro Cultural Moscoso a carón da antiga casa da sociedade Pazos de Borbén. Trátase dunha Igrexa de estilo neoclásico, do ano 1890, feita con perpaño de granito escuadrado. A carón da praza desta igrexa atopamos un moderno palco de música. Se miramos á dereita da Igrexa vemos o motivo emblemático deste concello, un carballo. 

Comezamos o roteiro cruzando a estrada e continuamos polo camiño seguindo o panel informativo que atopamos ao carón dunha casa “Camiño das Lombas”. 

Pasamos unha intersección na estrada pero continuamos e desviámonos na seguinte. 

No primeiro cruce escollemos o camiño da dereita, é un camiño de terra, sempre cheo de auga, seguiremos a canle, que transporta a auga para regar as fincas e que procede do lavadoiro.

Chegamos ao Cruce de Rabadero onde atopamos unha intersección de dous camiños e escollemos o máis baixo (está cheo de pedras) para acurtar un pouco o percorrido. A continuación collemos o “Camiño dos mortos” que agora está abandonado e sen uso.

Seguimos polo Camiño das Lombas e logo un camiño de terra, costa abaixo. Está cheo de eucaliptos e atopamos unha pedra grande chamada “O comezo” en homenaxe ao saco de gran que levaba ao lombo a xente que ía moer. Crese que esta pedra foi colocada alí porque, despois de percorrer un camiño cheo de pedras, paraban a descansar nesta zona.

¿Sabías que? 

Vila de Moscoso 

En 1970 toda a vila foi desprazada da súa ubicación orixinal. Descoñécese o motivo, aínda que podería tratarse dalgún conflito coa vila de Calvos.

Atención na sinal do camiño, xa que sobre un eucalipto aparece unha cruz que nos indica que o camiño a seguir é o das franxas paralelas que hai sobre o carballo. Este camiño destaca por estar cheo de trozos de cuarzo polo chan e os muros, tanto pequenos como grandes, duns 25cm.

Chegamos a un cruce e seguimos na mesma dirección na que viñamos polo camiño de abaixo para acurtalo un pouco máis ata chegar ao Muíño Vello, muíño de cubo feito con perpiaños irregulares de pedra granítica e cachotería. Posee cuberta a unha auga.

Chegando a Xunqueiras nos atopamos cun craro bastante ancho que se utilizaba para dar a volta e fuxir en caso de incendio, porque era difícil enfrontarse ao lume. Neste craro o camiño bifúrcase en dous e seguimos o sinal de “prohibido” (as aspas) para acurtar.

Achegámonos ao río, hai que andar un pouco máis pero está todo desbrozado. Continuamos e damos á ponte de pedra, na que puxeron un caudalímetro de augas de cor branco que chama bastante a atención. 

Vemos diferentes especies vexetais, entre elas unha gran variedade de fentos xa que esta é unha zona de sombra e fría. O camiño é estreito e con moita auga e nos seus bordos aparecen árbores como o “Sabugueiro”.

Lendas 

Conta a lenda que no lugar, coñecido como “os foxos”, cobran vida seres máxicos do río, das pedras, da terra… A xente da zona relata numerosos exemplos: 

– ”Na ponte do Barragán non debes entrar na auga, pois din que aínda existe un remuíño máxico ou unha acia (fada do río) que te pode levar o fondo do río”… 

– ”No monte da cidade preto da crista do castro, existe unha cova chea de moedas de ouro cuxa entrada está custodiada por unha vella moura, que che pode dar ouro ou veleno”… 

– ”O monte da cidade está poboado por almas que na noite saen de paseo polo lugar”…

A partir de aquí, o camiño faise moi estreito e presenta dificultades. Seguimos andando ata a Presa do Novo onde se observa unha redución da luz bastante importante. Aquí podedes ver como construían as presas: colocaron as pedras e despois as capias diagonais (pedras planas inclinadas) para soportar o peso da auga.

Neste tramo estaremos a unha altura aproximada de 7m con respecto ao río. Atopamos o Muiño Novo. O acceso realízase por un camiño bastante estreito e cuberto de musgo. Por fin chegamos a unha zona de descanso! Un merendeiro.

Datos curiosos 

Barragán significa presa. 

Dise que a variña do mago Merlín era de madeira de Sabugueiro. 

A partir de aquí, o camiño é máis ancho e atopamos o Muíño do Abade. A continuación, chegamos a un camiño que se cruza co Sendeiro das Greas (GR 58) pola beira do río, que está sinalado coas cores branco e vermello. 

Pódense ver unhas poldras que cruzan o río. Para acceder hai que baixar unhas pedras, sen varanda, de difícil acceso. 

Ao cruzar a escalinata de pedra vemos que, á dereita, enlaza coa derivación do roteiro ata o lugar das “Pardalongas”, se o seguimos uns trescentos metros pódese visitar a fermosa fervenza chamada “Pozo Machado”. situada no río “Pielas”, e un pouco máis adiante o “Muiño de Piñeiro”, totalmente restaurado. Ao chegar ó Pozo Machado estamos a 1.100m de altitude.

Voltamos, seguimos en liña recta e imos á Presa do Triquillón e a súa “levada” que leva a auga ata o Muíño do Triquillón. 

Continuamos e atopamos outro muíño, o de “Herdeiros”, de propiedade privada. Levaremos uns 10 kms camiñados e atopamos o Paseo do Carrillón situado ao final da senda do río Verdugo. 

Seguimos adiante entre o groso dunha “Carballeira”, a carón da Presa de Barragán, que é o máis longo e profundo de todo o río. Pódense ver pequenas fervenzas e o camiño é costa arriba. Chegaremos ao Ponte do Barragán, nel seguimos a levada do Barragán ata o Muíño de Barragán en funcionamento.

Pasamos o Muíño Porta Cavada, despois dunha intersección á dereita xunto ao río. Comeza o Encoro de Eiras, o río comeza a ensancharse. 

Para ir a A Cidade, ascendemos un pouco por unha estrada un tanto pedregosa e a medida que avanzamos podemos atopar cogomelos polo camiño.

Atravesando as bóvedas dun acueduto ou levada, o camiño remata nas ruínas da Cidade, probablemente un antigo castro, aínda que pode ser de orixe posterior, da Idade Media. Os restos arqueolóxicos semienterrados están cubertos de musgo. Ao pasar polo foxo atopámonos cunha antiga casa reconstruída. 

Coñécese como “A Casa Raiña”. A comunidade de Montes atopou un burato no que quedaba clavada a moa do Muíño de Casa Raíña. Se continúas cara arriba hai un miradoiro dende o que se divisa o encoro de Eiras. 

Chegamos o Muíño do Perico, é o máis antigo de todos. Nesta zona a dificultade é bastante alta, un camiño estreito, o río á dereita e á esquerda temos a “levada”. 

Seguiremos xunto a Presa “Carrillon”. e a súa levada. Avanzamos e aproveitamos a “levada” que conducía a auga ata o acueduto que só se pode explorar a pé. 

Veremos o camiño cheo de eucaliptos e metémonos pola Senda do Rabelo (que se chama Roteiro dos Cabechos) a carón dun pequeno regato do mesmo nome e rodeado de carballos e bidueiros.

Nun tramo ascendente cheo de follas de eucalipto atoparemos o “Muiño do Rabelo”, despois duns catrocentos metros. Non hai moita xente que percorra este camiño. Facemos un pequeno xiro á dereita. O tramo aquí é un pouco máis lixeiro e observamos muros feitos a man. Vemos que a levada que transportaba a auga ao muiño está deteriorada. 

Voltamos á estrada, chegamos á igrexa.

Scroll ao inicio