Vigo. Sendeiro local de Zamáns.

O Sendeiro local de Zamáns percorre os montes desta parroquia viguesa, que conta co maior carácter rural do Concello e a menor poboación (761). A parroquia, que debe o seu nome ao río que a atravesa, está situada ao pé do monte Galiñeiro, no punto xeográfico máis alto do Val do Fragoso, lindando con concellos de O Porriño, Gondomar e Mos. 

Este percorrido en concreto atravesa lugares de gran valor ambiental, paisaxístico, etnográfico, cultural e histórico como son o parque forestal, a praza da Leiteira, o Monte Galiñeiro, a Fervenza da Freixa ou o conxunto dos muíños de Zamáns, rehabilitados pola comunidades de Montes. A senda tamén bordea o encoro de Zamáns, que segundo a época do ano amosa un encanto especial.

Tipo de ruta: circular 

Lonxitude: 7,9 km 

Altitude máx: 464 m 

Desnivel: 226 m 

Dificultade: Media 

Duración: 2h 

Perigosidade: Media polos desniveis. 

Recomendacións: Atractiva en outono e primavera pola riqueza da vexetación e fauna.. En verán, o sol pode ser prexudicial nas zonas sen árbores e a fervenza presenta escaso caudal, polo que se recomenda realizala pola mañá ou últimas da tarde. 

Calzado cómodo e adecuado ao terreo e protección para a vexetación, contra insectos. 

Levar auga para hidratarse e snacks para darte enerxía. 

Recorda respetar a fauna e flora para disfrutar ao máximo da ruta.

O percorrido comeza no Parque forestal de Zamáns, onde poderemos estacionar o noso vehículo. Alí encontramos sinalizado o camiño claramente grazas a o cartel e os troncos con franxas azuis e brancas que tamén atoparemos ao longo de todo o percorrido.

Unha vez situados diante do cartel para escollemos o camiño que vai cara a estrada, é dicir, mirando ao cartel pola parte da esquerda. Unha vez na estrada escollemos o camiño ubicado máis a nosa esquerda. 

Os comezo da ruta caracterízanse por discorrer por unha calzada con casas ao redor e o barullo propio dunha zona habitada. Unha vez nos adentramos máis no monte, escoitamos moitos paxaros (incluso puidemos ver unha ave rapaz) e un camiño rodeado de anellos onde os animais pacen tranquilamente. 

Rematando a zona máis urbanizada e seguindo os sinais adentrámonos nun tramo de monte cun camiño en pendente e un pequeno muro a nosa esquerda. Ao chegar a certo punto, debemos facer unha curva pechada para tomar un desvío a dereita que nos leva a continuar polo Sendeiro Local de Zamáns. 

Entramos nunha zona moito máis arbolada e chea de vexetación, con desniveis e unha importante subida. Despois hai unha intersección cun camiño de area ancho. Nas beiras do camiño podemos ver carballo americano, piñeiros e eucaliptos. Á esquerda, baixando por este camiño accesible incluso para vehículos, veremos rochas que simulan o caudal dun río.

Seguindo as indicacións onde o camiño remata, subiremos por unha pendente pronunciada da montaña para chegar ao comezo da fervenza da Freixa. Esta subida é bastante empinada e ten moitas pedras soltas, polo que ter extremar a precaución. 

Na cima, realizamos unha pequena desviación á esquerda para visitar a fervenza. Continuamos polo monte Galiñeiro por un camiño ben definido e en ascenso, onde nos atopamos con corredores. Este sendeiro, exposto ao sol, ofrece fermosas vistas de Zamáns e da cidade de Vigo. Dende este punto elevado do Galiñeiro, podemos observar a Canteira de Vilaverde. Continuamos polo sendeiro ata unha zona máis frondosa, onde atopamos unha plantación de castiñeiros que engade diversidade á paisaxe. 

A poucos metros atopamos unha intersección de camiños, onde as sinais nos indican que a ruta continúa monte abaixo. A baixada prodúcese por unha zona descampada ata chegar a outra intersección de tres camiños: á esquerda o camiño vermello, de fronte o amarelo, e á dereita o camiño azul, que é o que debemos seguir. Esta ruta lévanos á Canteira de Vilaverde, actualmente en proceso de repoboación e cunha lixeira vexetación superficial. 

Ao chegar á Canteira, á dereita, xunto a unha torre de medición atmosférica, xiramos bruscamente á esquerda seguindo as marcas azuis e brancas. Entramos nun bosque frondoso cun pequeno regato. Tras un tramo nivelado, comeza unha baixada abrupta con vexetación e terreo irregular, complicado polas pedras soltas e os cambios de nivel. 

Chegamos de novo a un camiño transversal de grava de maior anchura. Aquí debemos xirar a dereita e baixar para facer de novo un xiro pechado a esquerda, seguindo as marcas. Adentrámonos nun camiño estreito e frondoso onde continúa a pronunciada baixada con certa complicación. Ao final, vemos auga que indica a proximidade do encoro de Zamáns. 

A primeira vista vemos a presa de Zamáns, tamén coñecida como embalse de Alcalde Pérez-Lorente. Xunto ao embalse, vemos unhas pequenas cabanas construídas para os pescadores e preto delas unha pequena estrutura de pedra que semella servir para realizar unha fogueira. 

Desviámonos por un estreito camiño á esquerda para chegar ao conxunto etnográfico Muíño das Maquías, un dos puntos emblemáticos da zona. Tras cruzar a pasarela do encoro, baixamos por un camiño estreito e moi empinado, sinalizado como ruta amarela. Parte do percorrido húmida e barrenta, con algunhas árbores caídas que debemos sortear para chegar abaixo. Alí, unha ponte conecta cunha subida á estrada, formando parte da ruta vermella, xunto cunha especie de acueduto conectado a outra parte do río. O conxunto Etnográfico Muíño das Maquías componse de dúas edificacións: o Muíño de Maquías e o Muíño de Seoane.

O Muíño das Maquías destaca pola calidade dos seus materiais e características formais. A parte inferior alberga o muíño e a superior está reservada para vivenda. Conta cunha solaina que servía de lugar de descanso protexido. Na parte posterior hai un cubo de varios metros de altura. Anteriormente había un alpendre para os animais durante a moenda, pero derribouse hai anos.

¿Sabías que? 

A maquía significa unidade métrica tradicional galega que se emprega para medir o volume dos grans, legumes ou aceite, de valor variable e que xeralmente equivale á sexta parte dun ferrado.

Tras visitar este punto emblemático, retornamos á parte alta do embalse e seguimos as marcas azuis que o bordean. Neste tramo, atopamos varios refuxios para pescadores e árbores caídas. Malia estes obstáculos, o paseo é agradable, especialmente en épocas calurosas, xa que discorre á sombra das árbores nunha zona fresca. A paisaxe merece a pena e encontramos moitas libélulas e bolboretas.

Xa no final do noso percorrido, atopámonos con varios interseccións. que fan o camiño máis complicado, xa que as marcas que nos guiaron anteriormente están agora máis ocultas pola maleza. 

Como antesala aos muíños debemos cruzar unha ponte de madeira que marca o final do tramo que bordea o encoro. Comezamos entón a parte dedicada aos muíños, outro dos puntos destacados deste percorrido. Esta zona é coñecida como o conxunto etnoarqueolóxico dos muíños de Zamáns, un tesouro do patrimonio cultural e histórico da zona. Este conxunto está composto por cinco muiños, dúas pontes tradicionais, un lavadoiro e unha fonte. 

A medida que subimos atopámonos a un dos muiños, situados na beira do río. O primeiro que veremos é o coñecido como Soleido de Abaixo, que se encontra máis aislado do resto, despois atopamos o muíño Soleido de Arriba, o muíño de Soleido e na parte máis alta xa case chegando a estrada atopamos o muíño do Vento. Todos eles presentan unha morfoloxía moi similar. Contan cunha roda motriz horizontal ou rodicio (só conservada no muíño do Bento) cunha única moa.

Cando chegamos ao punto máis alto, despois de pasar o último muíño, encontramos un cartel co nome de todos os muíños xunto á estrada. O acceso en coche tamén e posible a esta zona se só queremos visitar esta parte da ruta. Debemos ir a esquerda e continuar ata chegar a unhas fincas con gando onde a estrada e as marcas azuis e brancas nos indican que debemos xirar a dereita pasando polo cemiterio de Zamán.

Tras pasar o cemiterio de Zamáns, continuamos ascendendo seguindo sempre as marcas azuis que nos guían entre as casas da parroquia. Este camiño lévanos a outro dos puntos emblemáticos da ruta: as leiteiras de Zamáns.

Esta é unha escultura formada por dúas figuras situadas na glorieta da subida os Padróns realizada por Silvino Andrés Silva (fillo) onde tamén encontramos o cruceiro de Zamáns.

A Leiteira A obra é unha homenaxe ás leiteiras de Zamáns formada por dúas figuras: unha gran vaca e unha muller vestida ao xeito tradicional que leva sobre a súa cabeza un cántaro de leite. Ambas figuras sitúanse sobre senllos pedestais integrados na propia obra.

Neste punto tamén atopamos os bares principais onde poder repoñer forzas e refrescarse despois de toda a ruta: Bar Horacio, café Soraya… A carón deste escultura tamén atopamos a Igrexa de San Mamede de Zamáns. Se queremos podemos continuar ata o parque forestal de Zamáns se aparcamos ahí o noso vehículo ou temos a posibilidade de voltar a Vigo collendo o Vitrasa (L7) na mesma praza.

Scroll ao inicio